O sistema educativo galego oferta unha ampla variedade de formación reglada no ámbito da ciberseguridade. A aposta por esta formación ten como obxectivo resolver o desaxuste existente entre a oferta e a demanda deste mercado laboral.
O desequilibrio existente entre a oferta e a demanda laboral no eido da ciberseguridade está patente a nivel internacional.
Os datos mais recentes da Comisión Europea indican que en 2020 houbo 341.000 postos de traballo vacantes para profesionais TIC en Europa, máis de 168.000 na rama da ciberseguridade. Unha de cada catro empresas españolas e case a metade das europeas que tentaron contratar profesionais especializados nas ramas TIC, poñen de manifesto que un dos principais obstáculos para cubrir os postos ofertados é a falta de persoal cualificado que conte con formación especializada nos últimos avances tecnolóxicos.
Co fin de resolver este desequilibrio laboral, a Comisión Europea estableceu como obxectivo que o colectivo de especialistas TIC aumente dos 8,4 millóns no 2020 ata os 20 millóns en 2030, o que suporá o 10% do total de emprego esperado en Europa no ano 2030. O Goberno de España, no marco da Axenda España 2025, fixou como meta que se incremente o número de especialistas en ciberseguridade, intelixencia artificial e datos en 20.000 no período 2020-2025.

Seguindo a folla de ruta internacional para solventar este desaxuste existente, en Galicia tamén se está levando a cabo un esforzo en mellorar a formación no ámbito da seguridade fomentando a creación de talento especializado. Neste sentido, incrementouse nos últimos anos a oferta de formación reglada en ciberseguridade a diferentes niveis, dende cursos de especialización, ata mestrados e posgrados que forman profesionais para incorporalos a un ámbito laboral cun forte crecemento e presenza en Galicia.
Comparte obxectivo o nodo galego de ciberseguridade CIBER.gal, que apoia a potenciación de talento a través de iniciativas e programas de participación cos axentes do sector.