Máis de 2.800 inscricións, récord de asistencias presenciais e máis de 50 relatores de referencia poñen o broche final ao III Encontro CIBER.gal

Imaxe

Os pasados 2 e 3 de novembro celebrouse a III emdición do Encontro CIBER.gal. 

Na primeira xornada, destacaron actividades con temática sobre as oportunidades da ciberseguridade na nube, as implicacións da nova normativa NIS 2, e as iniciativas de ciberseguridade da Xunta de Galicia nos últimos anos, entre outras. 

Na segunda xornada, o Conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, realizou a apertura destacando a importancia da concienciación dixital na sociedade para crear un territorio conectado e seguro. Referiuse ao III Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal como un referente pola súa vocación de chegar a todo tipo de públicos –tanto profesionais do sector como á sociedade–, así como pola súa capacidade para reunir a expertos, patrocinadores e colaboradores de renome. Nesta III edición de CIBER.gal rexistráronse máis de 2.800 inscricións, presenciais e en streaming durante os dous días de celebración, alcanzando récord de asistencias presenciais e en liña. Ademais, manifestou o compromiso da Xunta de Galicia a favor da protección de datos e da divulgación sobre os perigos que entraña navegar na Rede.

Durante o encontro, o Conselleiro mantivo un encontro cos finalistas da terceira edición do concurso escolar Ciberseguridade no cole!, un certame enmarcado no CIBER.gal que busca concienciar aos máis pequenos sobre os riscos aos que se enfrontan no uso das tecnoloxías dixitais e ensinarlles boas prácticas en ciberseguridade dunha maneira amena.

Nesta terceira edición resultaron gañadores os centros CPR Plurilingüe San Fermín de Pontevedra (na categoría de Primaria) e o IES de Foz (na categoría de Secundaria). Este ano Ciberseguridade no cole! conseguiu un récord de participación con máis de 6.600 escolares de 120 educativos rexistrados.

Pola súa banda, o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño, foi o encargado de clausurar o encontro, no que destacou que a Xunta destinará en 2024 un total de 18 millóns de euros á ciberseguridade, ao redor dun 30% máis que en 2023. O responsable da Axencia autonómica subliñou o esforzo da Comunidade para situarse á vangarda nesta tecnoloxía como unha das liñas de actuación da Estratexia Galicia Dixital 2030.

Información relacionada