A Xunta dá luz verde á construción do Centro de Ciberseguridade de Galicia

Imaxe

A Xunta de Galicia deu luz verde á construción do Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia nos terreos do Parque Tecnolóxico de Galicia, en San Cibrao das Viñas. Segundo informou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o proxecto supoñerá un investimento de máis de 6 millóns de euros e ten como obxectivo “fortalecer a ciberseguridade na contorna da administración pública, a cidadanía e as empresas”. Ademais, o centro apoiará a innovación no sector produtivo mediante o logro da excelencia na investigación, fomentará o desenvolvemento de proxectos vinculados á ciberseguridade e promoverá o emprendemento neste ámbito.

Do mesmo xeito, o centro encargarase de supervisar “a ciberseguridade das administracións públicas” a través dunha sala de monitorización na que se controlarán os sistemas informáticos das entidades interesadas e detectarase calquera alerta.

A licitación para as obras deste complexo de ciberseguridade está actualmente en prazo de presentación ata o 11 de setembro, e adxudicaranse no outono para empezalas a principios do 2024. O obxectivo é poñer en marcha o novo centro en 2025, xa que as obras contan cun prazo de execución de 20 meses.

 

O edificio

O edificio que albergará o Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia construirase na parcela 3E da Tecnópole, cunha superficie útil de máis de 2.100 m2. 

No deseño do centro prímase o compromiso coa arquitectura do futuro e coa calidade de vida dos seus traballadores como obxectivo esencial. Así, o edificio configúrase en catro bloques rotando sobre un espazo central, de planta circular e formato poligonal, que albergará as funcións para as que é concibido.

A sala de operadores, que se situará no lado noroeste da parcela, albergará na súa planta superior espazos como o despacho, o laboratorio, a sala de crise e a sala de reunións. No lado contrario, cara ao sueste, situaranse os laboratorios e o centro demostrador, que mediante o uso duns paneis móbiles o espazo pode combinarse para ofrecer demostracións de maior envergadura. Estes espazos terán dobre altura, situándose nunha zona parcialmente superior unha sala de máquinas de climatización.

Na diagonal do eixo contrario, situación noroeste-suroeste, proxéctanse dúas pezas arquitectónicas análogas con dúas plantas, para usos administrativos, para aseos, espazos para uso interno do centro, para emprendedores ou para o alugueiro de empresas privadas.

 

Eficiencia enerxética e sustentabilidade

A sustentabilidade e eficiencia enerxética é outro aspecto coidado no deseño do edificio, xa que na execución das obras do edificio propóñense unha tecnoloxía de obra seca e ultralixeira, materiais de prestacións avanzadas recuperables e desmontables. Tamén destaca a ausencia intencionada de falsos teitos e a austeridade e transparencia, mostrando a construción do edificio.

Ademais, proponse un sistema de climatización mixto, dimensionado para poder proporcionar toda a calor con xeotermia e a refrixeración con xeotermia/aerotermia. Este sistema mixto reduce considerablemente os custos iniciais de investimento para un sistema completo de climatización por geotermia e, á vez, mantén todas as vantaxes enerxéticas de ambas instalacións xeotermia/aerotermia.