Este portal web nace co obxectivo de converterse no punto de referencia en seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais no ámbito autonómico de Galicia.
Aquí atoparás información sobre ciberseguridade relevante para empresas, cidadanía, universidades e administración local.
No portal preténdense combinar tres obxectivos principais:
- Intercambiar información actualizada sobre ciberseguridade: recompilar datos sobre novos incidentes a partir de múltiples fontes e ofrecelos como alertas e avisos ás persoas subscritoras ou visitantes da páxina.
- Ofrecer información de fondo sobre ciberseguridade: Información técnica e práctica, documentación, recursos formativos, vídeos, catálogo de empresas deste ámbito e outros recursos.
- Ofrecer información de actualidade sobre ciberseguridade e a actividade de CSIRT.gal: noticias, accións, eventos de axenda...
A misión do CSIRT.gal
CSIRT.gal é un equipo de persoal técnico especializado, dedicado desde a súa creación a desenvolver medidas preventivas e reactivas coa finalidade de mitigar o impacto dos incidentes de seguridade nos sistemas de información da Xunta de Galicia que son administrados pola Amtega.
En 2021 asinouse o Acordo marco dos servizos de seguridade da información, ciberseguridade e protección de datos persoais da Amtega, co propósito de estender o seu ámbito de actuación para dar cobertura ás necesidades do resto da Administración galega (tanto na contorna da Xunta de Galicia como para as entidades locais, comunidade educativa, etc.), así como a entidades privadas, e en xeral a toda a cidadanía do territorio autonómico.
O obxectivo do CSIRT.gal é mellorar a capacidade de detección e ofrecer respostas eficaces e coordinadas ante incidentes de ciberseguridade. Unha das partes esenciais para levar este obxectivo a cabo é a prevención, que implica ademais da adopción de medidas tecnolóxicas, potenciar a formación, concienciación e sensibilización en seguridade da información dos colectivos aos que preste servizo.
A constante evolución das ameazas fai necesaria a adaptación e especialización continuas dos recursos técnicos e humanos que se empregan.
