Esta iniciativa, impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no contexto do programa RETECH en colaboración con INCIBE, ten como obxectivo principal crear unha rede de laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade que se constitúa como punto de encontro entre a innovación neste ámbito e as necesidades do tecido empresarial galego, da administración pública e da cidadanía de Galicia.
Por unha banda, esta rede incluirá os laboratorios e centros demostradores de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais e ciberseguridade industrial da Xunta de Galicia, que integrarán tecnoloxías avanzadas de ciberseguridade IoT e ciberseguridade industrial ao servizo da Administración pública, da industria e dos sectores estratéxicos do territorio.
Por outro banda, para dar resposta ás necesidades emerxentes en ciberseguridade en Galicia e reforzar a colaboración entre entidades do ámbito innovador e tecnolóxico, formalizouse un Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, e Instituto Tecnolóxico de Galicia, Universidade de Vigo, Centro tecnolóxico de Automoción de Galicia, Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, para a creación dunha rede de laboratorios e centros demostradores en ciberseguridade no ámbito do programa RETECH (Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica) e no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia - financiado pola Unión Europea – NEXTGENERATION, PRTR a través de INCIBE. Cada un dos axentes clave cos que se conveniou creará o seu propio laboratorio, con enfoques diferenciados pero cunha base común: a ciberseguridade como eixo central, sendo o obxectivo común fomentar a investigación e a innovación en solucións de ciberseguridade, principalmente orientadas ao sector do transporte intelixente.
Axentes e proxectos
Está composto por dous laboratorios complementarios. Por un lado, un laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais e, por outro, un laboratorio e centro demostrador en ciberseguridade industrial. Ámbolos dous traballarán de maneira coordinada para dar resposta aos principais retos da ciberseguridade en Galicia, a través das seguintes liñas de acción principais:
-
Avaliación da ciberseguridade e contornos de proba
-
Asesoramento especializado para o cumprimento normativo
-
Capacitación e concienciación en ciberseguridade
-
Observatorio no ámbito da ciberseguridade
-
Dinamización do ecosistema
Situaranse inicialmente e de xeito temporal na Cidade da Cultura de Galicia e, de xeito definitivo no Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) en San Cibrao das Viñas (Ourense).
Laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade en produtos con elementos dixitais
Este laboratorio constitúe un espazo de referencia para a avaliación, validación e demostración de solucións de ciberseguridade aplicadas a produtos e servizos tecnolóxicos. O seu obxectivo é reforzar a confianza dixital no tecido empresarial e institucional galego, impulsando a innovación e o cumprimento normativo en materia de seguridade dixital.
Laboratorio e centro demostrador en ciberseguridade industrial
Este laboratorio ten a finalidade de fortalecer a protección das infraestruturas e procesos produtivos fronte ás ameazas dixitais, promovendo un ecosistema industrial máis seguro, resiliente e innovador. Este espazo serve como centro demostrador e de experimentación en tecnoloxías de ciberseguridade aplicadas ao ámbito industrial, combinando investigación, ensaio e formación especializada.
Proxecto relacionado
Laboratorio móbil avanzado para auditorías de ciberseguridade do espazo aéreo UAS
O Instituto Tecnolóxico de Galicia deseñará e fabricará un laboratorio móbil avanzado para auditorías de ciberseguridade no espazo aéreo dos sistemas aéreos non tripulados. Para levalo a cabo, durante o proxecto RETECH tamén traballará no desenvolvemento de diversos programas informáticos para a detección e simulación de ameazas no espazo aéreo, así como no desenvolvemento de interfaces de usuarios e accesos delegados.
Proxecto relacionado
Laboratorio de ciberseguridade 5G e laboratorio de ciberseguridade industrial
O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia creará dous laboratorios: un de ciberseguridade 5G e outro de ciberseguridade industrial. Neste proceso, levará a cabo a adquisición de produtos e servizos vinculados a estes laboratorios. Ademais, durante o desenvolvemento do proxecto, Gradiant participará en diferentes actividades de difusión como eventos e congresos.
Proxecto relacionado
Laboratorio de ciberseguridade e hacking ético
A posta en marcha dun laboratorio de ciberseguridade e hacking ético será posible grazas ao Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, que, no seu desenvolvemento, enfocará os seus esforzos en diferentes liñas de actuación como a creación dunha solución específica de ciberseguridade (OBU/RSU), a ampliación de capacidades de laboratorios de ciberseguridade (validación e verificación, pista de probas ITS) ou o desenvolvemento da cultura e o talento en ciberseguridade.
Proxecto relacionado
Laboratorio de seguridade, privacidade e confianza en 5G/6G
A Universidade de Vigo traballará na creación dun laboratorio de seguridade, privacidade e confianza en 5G/6G, para o cal desenvolverá liñas de actuación como infraestruturas e despregue da capa de ciberseguridade 5G/6G / OpenRAN 5G/6G / equipamento específico (V2X, C-V2X sobre 5G e ciberseguridade OT), e demostradores 5G/6G +IA, de ciberseguridade en Smart Transportation e de ciberseguridade en Industria conectada.