Proxecto RETECH

Programa RETECH – Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica

O programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH) é unha iniciativa impulsada desde a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial para facer realidade a transformación dixital en cada rexión de España mediante a posta en marcha de proxectos territoriais impulsados de forma conxunta por varias Comunidades Autónomas.

Así, o Programa RETECH, como ferramenta de cooperación interrexional e con cofinanciamento entre fondos propios das Comunidades Autónomas e fondos europeos Next Generation EU do Plan de Recuperación, deu a oportunidade ás Comunidades Autónomas de deseñar e propoñer proxectos enmarcados en distintos ámbitos tecnolóxicos como a Intelixencia Artificial, Ciberseguridade, Xemelgos Dixitais, entre outros.

No ámbito da Ciberseguridade, Galicia presentou un proxecto conxuntamente con Cataluña e a Comunitat Valenciana, sendo este un dos seleccionados para levar a cabo no marco do Programa RETECH. Este proxecto común formalízase mediante o Convenio de colaboración entre entidades das Comunidades Autónomas de Cataluña, Galicia, comunidad Valenciana e a S.M.E. Instituto Nacional de Ciberseguridade de España M.P., S.A. (INCIBE) no ámbito do Programa RETECH (Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica), e no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – financiado pola Unión Europea – Next Generation EU.

O proxecto común: Centro de Innovación e Competencia en Ciberseguridade

No marco do Programa RETECH, as Comunidades Autónomas de Cataluña, Comunitat Valenciana e Galicia presentaron o Proxecto “Centro de Innovación e Competencia en Ciencias da Saúde, Transporte Intelixente, Industria Conectada e Excelencia Operativa”.

No caso de Galicia, o proxecto foi liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e, nas outras Comunidades Autónomas, foi liderado pola Agència de Ciberseguretat de Catalunya (ACC) e a Dirección Xeral de Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da Comunitat Valenciana. 

Obxectivos

Os obxectivos estratéxicos son os seguintes:

  1. Cohesionar o ecosistema de ciberseguridade nacional
  2. Promover o xurdimento e crecemento de novas empresas nos catro verticais de interese da ciberseguridade
  3. Fomentar a capacitación especializada en Ciberseguridade
  4. Impulsar proxectos innovadores, solucións e servizos avanzados aos retos de ciberseguridade aos cales se enfronta a sociedade

Liñas de actuación

O proxecto común integra distintas liñas de actuación verticais e outra transversal:

  • Transporte Intelixente: liderada por Galicia
  • Ciencias da Saúde: liderada por Cataluña
  • Industria Conectada: liderada pola Comunitat Valencia
  • Excelencia Operativa: participan de forma conxunta as 3 Comunidades Autónomas
     
Imaxe
Programa RETECH

Galicia no proxecto común

O liderado da vertical do Transporte Intelixente por Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), persegue a creación dun Centro de Competencia que poña a disposición servizos e tecnoloxías intelixentes para todos os actores que poidan ter interese no transporte intelixente.

Así, un dos obxectivos principais é crear unha rede de laboratorios/centros demostradores centrados na innovación en ciberseguridade no transporte intelixente, que se converta no punto de encontro entre a innovación en ciberseguridade e as necesidades do tecido empresarial. Ademais, deseñaranse proxectos que permitan mellorar a xestión de eventos e información de seguridade que permitirá unha mellor xestión e resposta ante incidentes.

Así mesmo, tamén se traballará no deseño e lanzamento de proxectos que contribúan á mellora do desenvolvemento e potenciación de ecosistemas de innovación e na execución de iniciativas que fomenten o talento, sensibilización e adquisición de competencias neste ámbito.

Para iso, o proxecto conta con preto de 19 millóns de euros de orzamento de execución entre as achegas do Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) a través de fondos europeos e as achegas propias de Galicia entre o sector público e privado.

Imaxe
Programa RETECH