10:00 - 13:30
A Xornada ‘Somos cibernéticas’ chega á cuarta edición e consolídase como referencia para as mozas que valoran a posibilidade de orientar a súa vida laboral cara á ciberseguridade.
Nesta ocasión, seis mulleres que desenvolven a súa carreira profesional neste eido compartiron os seus coñecementos e experiencias cun grupo de rapazas e rapaces que cursan 4º da ESO.
Tras da apertura e presentación da Xornada a cargo de María José García Sexto, directora da Área de Administración Dixital da Amtega, Pilar Vila (CEO e cofundadora de Forensic & Security) ofreceu a disertación «Rompendo códigos e barreiras: o talento feminino en ciberseguridade». Ao longo da súa intervención, compartiu a súa traxectoria profesional, destacou o papel fundamental das mulleres no sector e achegou valiosos consellos ás novas xeracións interesadas en adentrarse neste ámbito. Como peche do seu relatorio, Pilar animou ás persoas asistentes a explorar o mundo da ciberseguridade, subliñando que o seu talento é necesario nun ámbito «onde hai oco para todos e todas».
A continuación tiveron lugar cinco talleres prácticos, deseñados e conducidos por Lidia Molina (avogada especializada en protección de datos e dereito dixital), Jenny Correia (consultora en gobernanza, riscos e cumprimento), Conchi Fernández (experta en seguridade perimetral e do posto de traballo), Mireia Martí (especialista en seguridade ofensiva e automatización) e Olalla Rama (especialista en xestión de vulnerabilidades), nos que rapazas e rapaces abordaron desafíos relacionados co tema da Xornada: factores de autenticación múltiples, deepkafes, malware, pegada dixital e enxeñería social.
A Xornada rematou coa despedida a cargo de Paula Vila, xefa do Departamento de Apoio na Xestión da Ciberseguridade da Amtega, agradecendo a participación das persoas asistentes e das profesionais que protagonizaron esta cuarta edición de «Somos Cibernéticas».
A implicación de mozas e mozos, o seu interese e capacidade para resolver os desafíos que se lles ían propoñendo, e sobre todo a satisfacción coa experiencia, son proba do éxito tanto desta xornada como do prantexamento divulgativo da Amtega para contribuír a pechar a brecha dixital de xénero en ciberseguridade.
Vídeo da intervención de Pilar Vila: