O próximo 4 de maio, entre as 10:00 e as 13:30, celebrarase na Sala 1 da Biblioteca da Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), co aforo presencial xa completo pero con posibilidade de seguila en directo en liña, a segunda edición destas xornadas dedicadas a achegar inspiración, motivación e información, principalmente ás alumnas de bacharelato que valoren a posibilidade de continuar os seus estudos en carreiras técnicas. Ademáis deste colectivo, calquera persoa interesada pode inscribirse nesta ligazón.
A fenda dixital de xénero en España é especialmente preocupante, porque aínda que non deixa de haber empresas moi relevantes que contan con mulleres desempeñando as súas tarefas en postos técnicos de gran importancia, e pese tamén a que se trata duns dos campos profesionais con maior déficit de perfís especializados, o que redunda nuns salarios medios elevados, os datos falan de que a porcentaxe de mulleres matriculadas en carreiras tecnolóxicas non só non aumentou senón que decreceu nos últimos anos no país.
Neste evento serán protagonistas tres mulleres, profesionais de éxito en distintos campos da Ciberseguridade, que falarán en primeira persoa sobre as súas traxectorias, logros e expectativas nas súas carreiras, á vez que achegarán información práctica sobre a oferta educativa e o mercado de traballo para as mulleres neste eido.