Convócase un ano máis o Curso superior en protección de datos a través da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). O curso ten como obxectivo a capacitación en distintoS aspectos da protección de datos, en cumprimento coas esixencias da normativa europea e estatal, como o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD), a Lei orgánica de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD) ou o Esquema Nacional de Seguridade (ENS).
Esta formación está dirixida ao persoal empregado público da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, das súas entidades públicas instrumentais e da Administración institucional (persoal funcionario do grupo A ou laboral dos grupos I e II). No caso de quedar prazas dispoñibles, poderíase inscribir persoal funcionario ou laboral das mesmas categorías doutras entidades públicas galegas.
A actividade desenvolverase entre o 2 de outubro e o 17 de decembro de 2024 e a metodoloxía será mixta, combinando formación presencial, telepresenza e teleformación a través da plataforma en liña da EGAP.
Ofértanse un total de 70 prazas e as inscricións deberán realizarse a través da plataforma da EGAP. O prazo de solicitude xa está aberto e rematará ás 23:59 horas do próximo 24 de setembro.