A AMTEGA impulsa a 5ª edición da xornada «Somos Cibernéticas» para fomentar o talento feminino en ciberseguridade

Imaxe

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza a quinta edición da xornada «Somos Cibernéticas», unha iniciativa orientada a fomentar o talento feminino no ámbito da ciberseguridade e a achegar ás mozas ás oportunidades profesionais deste sector en expansión. O encontro celebrarase o vindeiro 28 de abril no Centro de Emprendemento Creativo (CEM) da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, e contará coa participación de arredor de 50 alumnas e alumnos de 4º da ESO do IES Lamas de Abade.

O principal obxectivo da xornada é espertar o interese das estudantes pola ciberseguridade, dar a coñecer as súas múltiples saídas profesionais e contribuír á redución da fenda de xénero promovendo referentes femininos e experiencias inspiradoras.

Tras a inauguración institucional, a xornada dará paso á mesa redonda «Rompendo códigos e barreiras: o talento feminino en ciberseguridade». Nela participarán profesionais destacadas como Olalla Rama, consultora sénior en ciberseguridade; Alba Meijide, especialista en intelixencia artificial; e Noemí Rodríguez, avogada penalista especializada en ciberdelitos, quen compartirán en primeira persoa as súas experiencias, percorridos profesionais e visións sobre o sector.

Ao longo do coloquio, as relatoras ofrecerán tamén orientación práctica ao estudantado interesado en achegarse a este ámbito, poñendo en valor o papel da muller na ciberseguridade e a necesidade de impulsar vocacións tecnolóxicas desde idades temperás. Así mesmo, abordarán as competencias máis demandadas e amosarán a diversidade de saídas profesionais e oportunidades que ofrece un sector en continuo crecemento.

Desafío para explorar o mundo da ciberseguridade

Como peche da xornada, o alumnado participará no escape room «Misión: ciberdefensa», unha actividade práctica e dinámica na que os alumnas e alumnos se converterán en axentes de ciberseguridade coa misión de deter o ataque dun ciberdelincuente.

Ao longo da experiencia deberán resolver diferentes retos e enigmas en equipo, poñendo a proba as súas habilidades de análise, comunicación e cooperación, ao tempo que descobren de forma lúdica conceptos clave relacionados coa protección de datos e a ciberseguridade.