A Amtega organiza a cuarta edición do Evento do fomento do Talento Feminino na Ciberseguridade

Imaxe

A fenda dixital de xénero segue a ser unha realidade, tanto na Educación Superior orientada á tecnoloxía como no eido profesional relacionado coas disciplinas técnicas e tecnolóxicas. Segundo o Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE), en 2024 as mulleres ocupaban o 24 % dos postos en ciberseguridade en España, e, na mesma liña, só o 18 % das persoas graduadas en ciberseguridade son mulleres. As iniciativas educativas e de concienciación son clave para aumentar a inclusión e equidade no sector. 

Neste contexto, a Amtega promove un ano máis este evento, que ten como principal obxectivo incentivar o interese das mozas no sector da ciberseguridade amosando ás estudantes o amplo abanico de oportunidades existente no panorama laboral asociado a ciberseguridade.

Esta edición do evento comezará coa conferencia Rompendo códigos e barreiras: o talento feminino en ciberseguridade, impartida por Pilar Vila, CEO e cofundadora de Forensic & Security, e membro activo de Women4Cyber.

A conferencia poderá seguirse en streaming a través do portal de GaiásTech, previa inscrición, en: máis información e inscrición no portal de GaiásTech.

A continuación, terán lugar varios talleres prácticos nos que estudantes de educación secundaria, guiados por outras cinco mulleres profesionais do sector, enfrontaranse a unha serie de desafíos co obxectivo de espertarlles a curiosidade nunha materia moi interesante que lles pode permitir desenvolver carreiras profesionais cheas de éxito ás mulleres que decidan dedicarse a elas.

Información relacionada