Seguindo a senda de colaboración iniciada fai anos entre a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, a Escola Galega de Administración Pública e o Centro Criptolóxico Nacional, organizase a quinta edición do Curso Superior en Ciberseguridade, que ten como propósito avanzar no coñecemento sobre a materia desde unha perspectiva técnico-xurídica e práctica.
En primeiro lugar, búscase concienciar aos participantes sobre a importancia da ciberseguridade na contorna actual, atendendo tanto á perspectiva normativa como á técnica e a práctica. O alumnado recibirá formación en ‘boas prácticas’ para previr e detectar incidentes no uso de sistemas de tecnoloxías da información e comunicación (TIC). Este enfoque inclúe a comprensión dos riscos asociados ao emprego das TIC e a adopción de medidas preventivas para mitigalos.
En segundo lugar, o curso aborda aspectos relacionados coas políticas de seguridade para a protección da información, particularmente no uso de sistemas informáticos, conforme ao Esquema Nacional de Seguridade (ENS). Isto implica o estudo e análise das políticas e procedementos necesarios para garantir a seguridade da información en contornas dixitais, así como a comprensión das normativas e estándares aplicables neste ámbito.
Por último, o curso proporciona unha visión global da seguridade dos sistemas de información, incluíndo a identificación de vulnerabilidades, ameazas e riscos asociados. Esta parte céntrase no estudo das técnicas e ferramentas dispoñibles para protexer os sistemas de información fronte a posibles ataques e asegurar a integridade, confidencialidade e dispoñibilidade dos datos.
O curso está dirixido ao persoal empregado público de todas as AAPP galegas, sempre que teñan perfil en tecnoloxías da información e comunicacións (TIC) e as súas funcións estean relacionadas coa materia impartida. Realizarase do 29 de abril ao 30 de xuño de 2025 e ten unha duración de 108 horas lectivas, distribuídas entre sesións presenciais, de telepresencia e teleformación.
O prazo de inscrición termina ás 23.59 horas do domingo 20 de abril.