A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en colaboración coa Amtega, pon en marcha Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade, unha nova iniciativa que busca apoiar ás familias na protección e acompañamento dos menores no uso seguro das tecnoloxías.
O programa, integrado na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, nace coa finalidade de capacitar ás nais, pais e titores/as legais no uso responsable e proveitoso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) ofrecéndolles ferramentas prácticas para afrontar os desafíos que supón a crianza na era dixital.
A iniciativa busca dotar ás familias de recursos concretos para previr os principais riscos en liña, protexer a privacidade e seguridade en redes sociais, videoxogos e dispositivos móbiles, e acompañar aos menores no seu uso. Tamén promove hábitos saudables de conexión e descanso e a conciencia sobre a importancia de coidar a pegada dixital e a reputación en liña.
A convocatoria prevé a realización de 250 obradoiros presenciais, de carácter eminentemente práctico, que serán impartidos por persoal especialista da Amtega nos centros educativos galegos entre decembro de 2025 e xuño de 2026.
As solicitudes deberán presentarse por correo electrónico nun prazo 20 días naturais desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no portal educativo: https://www.edu.xunta.gal/portal/
As prazas adxudicaranse por orde de chegada ata completar as 250 dispoñibles.