A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional abriu unha nova convocatoria do programa educativo Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais.
Tras o éxito das edicións anteriores, a iniciativa diríxese ao alumnado de 2º a 4º da ESO e de ciclos formativos básicos de FP, coa finalidade de promover un uso responsable das redes sociais. Os obradoiros teñen como obxectivo que o estudantado tome conciencia da importancia da identidade e da pegada dixital, aprenda a configurar axeitadamente a súa seguridade e privacidade na rede e coñeza recursos de apoio aos que recorrer cando xurdan dúbidas no ámbito tecnolóxico.
A convocatoria prevé a realización de 250 talleres prácticos, que serán impartidos por persoal experto da Amtega directamente nos centros educativos participantes. As actividades desenvolveranse ao longo do curso escolar, entre outubro de 2025 e xuño de 2026.
As solicitudes deberán presentarse por correo electrónico nun prazo de 15 días tras a publicación da convocatoria (a partir do 03/09/2025). As prazas adxudicaranse por orde de chegada ata completar as 250 dispoñibles.