Gradiant e Councilbox crean unha Unidade Mixta de Inestigación

Imaxe

O centro tecnolóxico Gradiant e a empresa Councilbox crearon unha nova Unidade Mixta de Investigación (UMI) chamada GIC TEL (Xestión de Identidade e Ciberseguridade en procesos Telemáticos). Ambas as organizacións investirán conxuntamente unha cifra próxima aos 2 millóns de euros, durante 4 anos, para impulsar I+D nas liñas de investigación de xestión da identidade e ciberseguridade. A Xunta de Galicia achegará, a través da Axencia Galega de Innovación, máis de 700.000 euros, aproximadamente o 40% do orzamento total.

Este proxecto conta co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Contexto e obxectivos

No LegalTech en xeral e no ámbito das reunións telemáticas con validez legal ou asistencia asistida á cidadanía, é de vital importancia manter uns altos estándares de seguridade e privacidade nas diferentes partes do proceso para garantir a súa validez legal, ao mesmo tempo que é necesario manter ou mellorar a súa usabilidade e reducir a fricción do usuario.

As solucións de atención cidadá e reunións telemáticas con validez legal presentan unha serie de elementos clave que poden ser mellorados en termos de seguridade e usabilidade mediante tecnoloxías innovadoras, que poden supoñer un valor diferencial para posicionalas como líderes no seu sector. Estes son:
Verificación e xestión da identidade segura e simple.
Asegurar a validez legal dos procesos de sinatura.
Validez xurídica das votacións electrónicas.
Validez legal no almacenamento de evidencias.

Os traballos de investigación da Unidade Mixta (UMI) atópanse dentro deste ámbito. O seu obxectivo é a construción de solucións que permitan mellorar, mediante o uso de tecnoloxías innovadoras, a usabilidade e seguridade dos sistemas telemáticos con validez legal.

Liñas de investigación

As tecnoloxías desenvolvidas na UMI deberán cubrir dous bloques principais no proceso, que están recollidas en dúas grandes liñas de investigación:

Xestión da identidade: investigación e aplicación de tecnoloxías co obxectivo de mellorar a usabilidade, a seguridade e as prestacións dos sistemas de identidade actuais tendo en conta a regulación e lexislación aplicable na actualidade, a través da investigación e desenvolvemento de sistemas de verificación biométrica e validación documental.

Investigación e aplicación de tecnoloxías orientadas a implantar mecanismos de protección durante o procesamento de datos, técnicas de detección de anomalías de ciberseguridade, métodos de desenvolvemento seguro de sistemas e técnicas avanzadas para rexistrar e trazar de forma eficiente evidencias dixitais que aumentan a confianza na entrega a clientes de produtos e servizos.

Información relacionada