O pasado 4 de decembro celebrouse no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, o II Congreso de coordinadores de benestar e convivencia, co propósito de dar formación ao persoal docente para mellorar as condicións de benestar, seguridade e protección nas aulas.
No evento tivo un lugar destacado a ciberseguridade, xa que a primeira intervención correspondeu a Gustavo Herva, director da Subárea de Seguridade da Amtega, quen fixo unha contextualización do panorama da ciberseguridade, particularmente para Galicia, e rematou cun percorrido polas distintas iniciativas que se levan a cabo desde a Amtega orientadas a achegar a concienciación en ciberseguridade á mocidade. De entre elas, cómpre destacar as que se levan a cabo en cooperación coa Consellería de Educación (talleres de Xestión da pegada dixital nas aulas, edición dunha Guía de uso seguro de Internet e as redes sociais para alumnado de centros educativos), coa Televisión Galega (o espazo CiberEsther), ou a propia dispoñibilidade dos contidos neste portal ciberseguridadegalicia.gal
A continuación, chegou a quenda de David Bascoy, experto en formación sobre ciberseguridade e protección de datos persoais, que falou da importancia de protexer a privacidade, das ameazas (como o ciberacoso, o sexting, os retos virais, ou o uso de aplicacións ‘pirata’), dos videoxogos e dos desafíos vinculados á Intelixencia Artificial; ademais, aportou recursos e recomendacións prácticas para implementar medidas preventivas e reeducadoras fronte a estas problemáticas. Finalmente, destacou a necesidade de que os propios coordinadores adopten hábitos de ciberseguridade tanto a nivel persoal como profesional, subliñando os aspectos clave relacionados coa protección dos datos persoais.
Estas intervencións poñen de manifesto a importancia do coñecemento e concienciación en ciberseguridade e protección de datos persoais como elementos transversais para fomentar unha boa convivencia e mellorar o benestar da comunidade educativa e da sociedade en xeral.