O vindeiro 25 de Xuño celebraranse no Pazo de Mariñán (Bergondo) as IV Xornadas de Formación Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos Centros Educativos e as Súas Contornas .
A mañá estará dedicada a analizar e debater sobre diversos aspectos da convivencia nos centros educativos, como as posibles respostas ás actitudes problemáticas por parte do alumnado, a prevención da violencia ou a comunicación con e entre adolescentes.
Xa na tarde, ás 16:00 terá lugar o coloquio A protección de datos no centro e o seu contorno: prevención, normativa e réxime sancionador, coa participación do servizo de apoio en materia de protección de datos persoais da Amtega. Este evento resulta de especial interese, dada a cantidade de actividades que involucran tratamentos de datos persoais nun ámbito educativo no que os e as menores soen ser escasamente conscientes das repercusións e implicacións dos seus feitos, especialmente no mundo en liña.
Finalmente, ás 18:00 darase paso á conclusión e síntese das IV Xornadas, a cargo da subdelegación do Goberno na Coruña.
Ligazón ao evento na Axenda: IV Xornadas de Formación Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar nos Centros Educativos e as Súas Contornas