Cada vez é máis común atopar en espazos de acceso público conectores usb dispostos para que se poida conectar directamente o cable e cargar o móbil. Parece unha boa idea, xa que evita ter que levar encima o cargador a quen prevexa que vai necesitar subministración eléctrica para o seu dispositivo ao longo da xornada.
Pero como tantos outros servizos postos en marcha con intención de facer a vida máis fácil á cidadanía, xa se detectaron casos de manipulación destas estruturas para tentar vulnerar os dispositivos que se conecten a elas e infectalos con malware ou obter información confidencial.
Cando un terminal móbil se conecta a un punto de carga, simplemente dirixe a subministración á súa batería. Pero cando no outro extremo hai outro equipo con capacidade de procesar datos é posible que a configuración do terminal lle permita enviar e recibir información polo cable. Deste xeito, un punto de carga manipulado pode ser utilizado para infectar ou espiar teléfonos móbiles.
Existen varias solucións para protexer os nosos terminais:
Utilizar unicamente enchufes eléctricos co noso cargador.
Dispoñer para estes casos de cables USB que non permitan o intercambio de datos, só a carga (soamente están habilitados os pins dos extremos no conector).
Revisar no noso terminal a configuración de USB por defecto para evitar as transferencias de datos.
Se ao conectar o móbil aparece un aviso ofrecendo distintos tipos de conexión, hai que elixir ‘só carga’, denegar as transferencias de datos ou non confiar no equipo ao que se conectou, segundo o modelo de terminal que se utilice. O mero feito de que apareza ese aviso debería ser suficiente para evitar e mesmo denunciar ese punto de carga.