A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) participa no encontro “La Voz da Industria de Galicia 2026”, organizado polo Centro de Ciberseguridade Industrial (CCI), que se celebrará o próximo 4 de xuño de 2026 en Vigo.
A xornada, centrada na “Ciberintelixencia Industrial e alerta temperá”, reunirá a representantes da industria, expertos en ciberseguridade e empresas tecnolóxicas para analizar os principais desafíos actuais en materia de protección de contornas industriais conectadas.
O encontro ten como obxectivo achegar ao tecido empresarial galego as capacidades, tendencias e estratexias vinculadas á detección temperá de ameazas, a intelixencia aplicada a contornas OT/ICS e a resiliencia fronte a ciberincidentes industriais.
A apertura institucional correrá a cargo do Centro de Ciberseguridade Industrial (CCI), dando paso a un bloque de relatorios especializados orientados a contextualizar o panorama actual de ameazas sobre a industria e a necesidade de incorporar capacidades avanzadas de monitorización, análise e intelixencia.
Ao longo da xornada abordaranse cuestións como a evolución dos riscos en contornas industriais conectadas, a exposición derivada de accesos remotos e terceiros, o impacto do ransomware sobre operacións industriais ou o papel da intelixencia e a alerta temperá na toma de decisións.