O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) vén de publicar unha nova convocatoria de axudas á transformación dixital das pemes galegas, cofinanciadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027. Entre as actuacións subvencionables inclúense proxectos específicos de ciberseguridade para a operación dixital da empresa.
Esta liña de apoio está orientada á implantación de medidas e solucións de ciberseguridade destinadas a garantir a continuidade, fiabilidade, resiliencia e operación segura dos procesos, sistemas, activos e interconexións dixitais das organizacións. As actuacións poderán incluír tamén tarefas de análise do alcance, configuración, integración, validación e estabilización inicial que resulten estritamente necesarias para a posta en funcionamento das solucións implantadas.
As bases establecen que só serán subvencionables aqueles proxectos cuxo obxecto principal sexa a implantación efectiva de medidas ou solucións de seguridade con alcance funcional propio e posta en funcionamento real. Quedan excluídas actuacións de mantemento ordinario, renovación ou continuidade de servizos existentes, así como os servizos permanentes, periódicos ou recorrentes de operación ou monitorización.
As axudas están dirixidas a pequenas e medianas empresas, incluíndo persoas traballadoras autónomas, que dispoñan dun centro de traballo en Galicia no que se desenvolva o proxecto. A convocatoria conta cun orzamento global de 3 millóns de euros e tramitarase en réxime de concorrencia competitiva