A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional abriu unha nova convocatoria do programa educativo «Menores conectados: educación dixital en ciberseguridade e privacidade», unha iniciativa dirixida ás familias do alumnado de centros educativos sostidos con fondos públicos co obxectivo de fomentar un uso seguro, responsable e saudable das tecnoloxías dixitais.
Desenvolvido en colaboración coa Amtega, o programa contempla a realización de 250 obradoiros formativos presenciais impartidos por persoal especializado. Nestas sesións abordaranse cuestións como a privacidade en internet, a seguridade nas redes sociais, a xestión de dispositivos móbiles, os videoxogos ou a prevención de riscos en liña, ofrecendo ás persoas participantes ferramentas prácticas para acompañar a nenos, nenas e adolescentes na súa vida dixital.
A convocatoria dá continuidade a unha iniciativa que obtivo unha grande acollida durante o curso 2024-2025, no que se impartiron 250 obradoiros por toda Galicia coa participación de máis de 2.700 persoas. Estes datos reflicten o crecente interese das familias por adquirir coñecementos e recursos que lles permitan afrontar con maior seguridade os retos e desafíos asociados á contorna dixital.
A nova edición prevé a celebración de 250 obradoiros presenciais, dunha duración aproximada dunha hora e media, que se desenvolverán nos centros educativos participantes entre outubro de 2026 e xuño de 2027.
As solicitudes deberán presentarse por correo electrónico nun prazo de 20 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no portal educativo: https://www.edu.xunta.gal/portal/.
As prazas asignaranse por orde de entrada ata completar as 250 accións formativas previstas.