Nova edición do programa "Navega con rumbo" para promover o uso responsable de internet entre a comunidade educativa

Imaxe

O presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez, e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, asinaron un convenio de colaboración para a realización de actividades de difusión e formación do programa “Navega con rumbo”, destinado á promoción do uso responsable das novas tecnoloxías entre o alumnado da comunidade educativa. Esta colaboración, que xa vai pola súa duodécima edición, encáixase dentro da Estratexia de Educación Dixital 2030 da Administración autonómica.

A iniciativa está encamiñada, por unha banda, ao alumnado para guialo cara unha navegación segura, tratando de evitar que sexan vítimas de condutas como o ciberacoso ou outros riscos da rede; e por outra, para o profesorado e familias, facéndoos partícipes das recomendacións, de xeito que tamén sexan transmisores para o alumnado. Programaranse 240 charlas de concienciación dunha hora de duración durante o curso escolar 2023-2024, destinadas a toda a comunidade educativa para os cursos de 5º e 6º de Educación Primaria, 1º de Educación Secundaria Obrigatoria e 1º de ciclos de Formación Profesional de grao básico.

O programa dispón dunha páxina web, na que se poden descargar unha serie de guías de boas prácticas. Desde que se puxo en marcha "Navega con rumbo" leváronse a cabo máis de 2.000 accións formativas.

Información relacionada