O INCIBE lanza un curso online gratuíto sobre ciberseguridade para dispositivos móbiles Android

Imaxe

O Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) lanza un curso en liña de formación gratuíto en formato MOOC (Massive Online Open Course) para proporcionar coñecementos xerais en materia de seguridade para aplicar en dispositivos móbiles con sistema operativo Android.

A formación terá 10 horas de duración e desenvolverase do 13 de maio ao 24 de xuño de 2024, permitíndolle ao alumnado xestionar o seu tempo segundo a súa dispoñibilidade. As persoas interesadas xa se poden inscribir na sección de Cidadanía da páxina web do INCIBE ata completar a cota de 2.000 prazas dispoñibles.

Protexer o noso dispositivo de ameazas

Esta iniciativa formativa, dirixida a maiores de 14 anos, ten como obxectivo facilitar as pautas necesarias co fin de protexer o noso dispositivo para previr posibles ameazas. Tamén se especificarán as diferentes vías de infección do dispositivo para evitalas e proporcionaranse diferentes solucións, no caso de que o dispositivo xa fose vulnerado.

Así, ao longo de 9 unidades, ademais de aprender a protexer o dispositivo Android correctamente e, por conseguinte, permanecer seguro fronte aos riscos aos que se poida expoñer, ofreceranse consellos para a xestión de contrasinais, a protección da información almacenada, a configuración das conexións inalámbricas e as aplicacións seguras. Tamén se explicarán as principais vías de infección, riscos e ameazas, xunto con medidas reactivas.

Información relacionada