A xestión da seguridade da información representa un desafío para todo tipo de organizacións, pero especialmente para as de menor tamaño, que non soen dispoñer de servizos propios para atendela de maneira específica.
As brechas de seguridade, incidentes onde datos sensibles ou sistemas protexidos son comprometidos, representan unha ameaza importante para a seguridade da información en todo tipo de contornos. O Incibe ven de publicar unha guía que serve como pauta xeral para articular a resposta a este tipo de incidentes.
Á parte do impacto sobre a reputación dunha organización ou sobre os seus procesos operativos e servizos, unha brecha de seguridade impón unha serie de obrigas legais que en ocasións non se teñen claras ou directamente se descoñecen. Existe a posibilidade de que a organización sexa ademais sancionada se non se atende de maneira adecuada a esas obrigas.
A guía de xestión de brechas de seguridade do Incibe proporciona directrices de actuación para que todo tipo de entidades poidan recorrer a ela, tanto para preparar un plan interno de xestión de brechas (a opción máis recomendable), como para consultar o curso de acción cando xa se sufriu unha e débese dar resposta de maneira inmediata.