Preparando ás pemes galegas para os novos desafíos: ciberseguridade e intelixencia artificial

Imaxe

A transformación dixital ofrece grandes oportunidades para as pemes, pero tamén introduce novos riscos que é preciso coñecer e xestionar. A crecente sofisticación dos ciberataques e a incorporación da intelixencia artificial aos procesos empresariais fan imprescindible que as empresas conten coa información e as ferramentas axeitadas para protexer os seus activos dixitais.

Neste contexto, o vindeiro 3 de xuño celebrarase en Pontevedra a xornada Preparando ás pemes galegas para os novos desafíos: ciberseguridade e intelixencia artificial, unha iniciativa organizada por Amtega, a través do seu Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade en Produtos con Elementos Dixitais da Xunta de Galicia, en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

 

Unha xornada práctica dirixida a pemes e persoas autónomas

A xornada está especialmente dirixida a pemes e persoas traballadoras autónomas que desexen mellorar a súa preparación fronte ás ameazas dixitais actuais, coñecer casos reais de ciberataques e comprender o papel clave que xogan as persoas na seguridade da información.

O programa combina contidos técnicos, demostracións prácticas e espazos de intercambio de experiencias, favorecendo unha visión integral da ciberseguridade no ámbito empresarial.