Prevista a apertura dunha Escola Militar de Ciberoperacións en España

Imaxe

A conxuntura xeopolítica actual, na que operacións militares ‘no mundo real’ son reforzadas por ciberataques contra obxectivos estratéxicos das nacións consideradas inimigas, determina que ademais das estratexias de defensa nacional convencionais se teña volto imprescindible contar con auténticos especialistas en ciberdefensa. Os intentos de disrupción de servizos informáticos mediante distintas técnicas de ataque a través do ciberespazo deben ser contrarrestados utilizando todas as proteccións necesarias para salvagardar o seu bo funcionamento. 

Este tipo de accións defensivas requiren dun persoal altamente especializado, e o Ministerio de Defensa español decidiu participar de maneira directa na formación de expertos na materia. Na páxina web do Ministerio de Defensa pódese consultar un documento, ao que só lle faltan a data de promulgación e a firma, no que se establece a creación da Escola Militar de Ciberoperacións como centro docente militar de perfeccionamento, dependente do Estado Maior da Defensa a través do Mando Conxunto do Ciberespazo.

A posta en marcha deste centro atende ás necesidades de formación en ciberdefensa para a protección das infraestruturas e servizos críticos nacionais fronte a todo tipo de ciberataques, e encádrase dentro da folla de ruta marcada pola Estratexia Nacional de Ciberseguridade de 2019, que recoñece a vulnerabilidade do ciberespazo como un dos principais riscos para a seguridade nacional.

O obxectivo é proporcionar ao persoal do Ministerio de Defensa as competencias necesarias para planear, dirixir, coordinar, controlar e executar as operacións militares no ámbito do ciberespazo.

Polo momento descoñécese o currículo da escola, que probablemente quede situada na base de Retamares en Madrid.

Información relacionada