Durante a xornada Innovación, ciberseguridade e colaboración público-privada: TEGRA como pioneiro, celebrada o pasado 25 de maio en Vigo, conmemorouse o quinto aniversario do Centro de Innovación en Ciberseguridade Tegra, posto en marcha polo centro tecnolóxico Gradiant e a empresa Telefónica Tech co apoio da Xunta de Galicia e co financiamento da Unión Europea no marco do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020.
Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), puxo en valor o papel desta iniciativa, que contribúe de maneira decisiva á evolución e dixitalización das pemes e a industria galega en xeral, con especial incidencia na súa ciberseguridade. Deste xeito, o tecido produtivo da comunidade gaña en competitividade e vólvese máis atractivo para a atracción de novas empresas e a captación de talento.