TalentoCiberR, novo evento co que visibilizar o talento en ciberseguridade de Galicia

Imaxe

O próximo 14 de marzo celebrarase simultaneamente de forma presencial na Coruña, Vigo e tamén en modalidade en liña a primeira edición de TalentoCiberR. O evento é organizado polo Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) da Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo xunto á Cátedra R en Ciberseguridade (UDC, UVigo e a empresa R), co obxectivo de dar visibilidade ao talento en ciberseguridade de Galicia e fomentar novas vocacións entre mozas, situando nun mesmo lugar o talento e as empresas.

O evento contará con 2 obradoiros prácticos en paralelo de 2 horas, dirixido a estudantes de Ciclos de Formación Profesional e estudantes de graos técnicos (IA, Datos, Informática ou Telecomunicacións):

  • Obradoiro Nova era: Seguridade holística en Microsoft 365 e resposta automatizada ante incidentes usando IA impartido por Manuel García González,  Senior Security Architect de Microsoft e terá lugar no CITIC e no Salón de Graos da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da UVigo.
  • Obradoiro Inicio do procedemento forense informático: adquisición de evidencia en PC, móbiles e pendrives USB impartido por Rafael López García, profesor do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro de Ferrol e terá lugar na Sala Network do CITIC e na aula T214 da Escola de Enxeñería de Telecomunicación da UVigo.

A continuación dos obradoiros, o evento contará cun coloquio Empregabilidade e saídas profesionais de ciberseguridade con representantes da UDC, UVigo e profesionais de empresas galegas.

As inscricións tanto para os obradoiros como para o coloquio están abertas na seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/e/1FAIpQLSeUSIwfaWdoceEjAWlOk9tb5RXg7okpnmQKMpcyWnsmy9z3FQ/viewform

Ademais, o evento acollerá a terceira edición do C3TF, unha competición de captura a bandeira (CTF), dirixido a estudantes de bacharelato, formación profesional, grao e máster de centros educativos de toda España que deberán resolver durante 4 horas diferentes retos de ciberseguridade.

Os tres primeiros equipos gañadores recibirán premios de 1.000€, 700€ e 300€ respectivamente de parte da Cátedra R en ciberseguridade.

As inscricións están abertas a través da seguinte ligazón: https://c3tf.io/inscripcion/

Para máis información respecto ao evento, podes consultar a seguinte ligazón: https://catedrarciberseguridade.com/talento-ciber/