Celébrase de novo na Cidade da Cultura o evento adicado ao fomento do talento femenino en ciberseguridade promovido pola Amtega.
A fenda dixital de xénero segue a ser unha realidade, especialmente na Educación Superior orientada á tecnoloxía: hai moitas menos mulleres que homes adicándose profesionalmente ás enxeñerías, á informática e, centrando máis o tiro, á ciberseguridade.
Porén, unha ollada ao panorama laboral amosa que existen grandes referentes para as rapazas que dubidan á hora de elixir o seu futuro profesional e recean de que a ciberseguridade poida ser un mundo onde só triunfan os homes.
Os estereotipos derrótanse amosando feitos, exemplos. Por terceiro ano consecutivo, a Amtega ofrece en colaboración co Gaiastech unha sesión desenvolvida por mulleres e para rapazas: mulleres que se dedican con éxito a distintas áreas da ciberseguridade estarán a cargo de diferentes talleres sobre temas dese eido; rapazas que cursan educación secundaria e poderán comprobar que a ciberseguridade non só non é unha opción exclusiva para os mozos, senón que é unha materia moi interesante e permite desenvolver carreiras profesionais exitosas ás mulleres que deciden dedicarse a elas.
O día 11 de xuño, un grupo de rapazas de 4º da ESO de entre as participantes no ciclo de talleres de Iniciación segura á pegada dixital e ás RRSS, impartido pola Amtega en máis de 200 centros de secundaria en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional, asistirá presencialmente ao evento na Cidade da Cultura de Santiago. Alí tratarán de resolver os diferentes retos relacionados coa ciberseguridade que lles serán expostos polas expertas en ciberseguridade Olalla Rama, Conchi Fernández, Alba Ramos e Lidia Molina.
Posteriormente, Belén Pérez, unha voz máis que autorizada na difusión da ciberseguridade industrial, conferenciante habitual nos principais congresos nacionais de ciberseguridade, exporá o relatorio Rompendo barreiras: o talento femenino en ciberseguridade, que tamén poderá ser seguido en liña -previa inscrición- a través da seguinte ligazón: https://gaiastech.xunta.gal/gl/actividades/somos-ciberneticas-0