ViCON - 2026

Imaxe
ViCON - 2026

VICON naceu en 2017 como unha reunión informal dun grupo de afeccionados á ciberseguridade, compartindo coñecementos en charlas nun ambiente distendido, foi crecendo ano tras ano ata converterse nun dos congresos de referencia no ámbito da ciberseguridade a nivel estatal. 

Hoxe, o Vicon está plenamente consolidado no calendario dos grandes eventos do sector. O crecemento da disciplina e o bo facer da organización lograron atraer aos mellores expertos tanto a nivel nacional como local. 

Entre os moitos momentos salientables do evento deste ano, cabe resaltar a mesa redonda de ciberseguridade desde diferentes perspectivas, na que participará o Xefe da Subárea de Seguridade de Amtega, Gustavo Herva, xunto con Juan Varela, Inspector Xefe da unidade UDEF de Ciberdelincuencia, Antonio Fernándes, divulgador e CISO, Noemí Rodríguez, avogada, e coa moderación a cargo de Luis Fernández, editor da revista SIC e copresidente de Securmatica. 

O programa desta edición inclúe numerosas charlas de alto nivel técnico, pensadas para satisfacer tanto a profesionais do sector como a persoas afeccionadas á ciberseguridade. Os contidos abarcan desde análise forense e pentesting ata intelixencia de ameazas ou seguridade en infraestruturas críticas, convertendo o Vicon nun espazo ideal para aprender, actualizar coñecementos e descubrir as últimas tendencias do sector. 

Este ano tamén achegará un maior valor ao evento a exhibición dunha maqueta que simula un proceso industrial real por parte do laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade industrial de Amtega. Esta instalación estará acompañada por un equipo humano especializado que se encargará de realizar demostracións prácticas sobre solucións implementadas, simulacións de ciberataques e monitorización de elementos en tempo real. 

Ademais, os asistentes poderán participar en talleres prácticos de gran interese, como o de Pentesting Android en claro: do Manifest ao achado, o de CyberRange: ApocalipSISSSH e o de Navegador xestionado, aumentando a superficie de Zero Trust

O Vicon consolídase así como unha cita imprescindible para profesionais e entusiastas da ciberseguridade, tanto en Galicia como a nivel nacional, favorecendo o intercambio de coñecementos e a colaboración entre expertos e institucións de relevancia. As persoas interesadas en asistir ao Vicon poden comprar as súas entradas nesta ligazón

Todos os eventos celébranse de xeito presencial no Círculo de Empresarios Galicia (en Vigo) os próximos 17 e 18 de abril.

Información relacionada