A Amtega colabora nas VIII JNIC, e a organización acaba de publicar a primeira Call For Flags para a proposta de retos de ciberseguridade

Imaxe

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), no marco de actuación do Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, colaborará como patrocinador nas VIII Xornadas Nacionais de Investigación en Ciberseguridade, organizadas polo Centro de Investigación atlanTTIc e o Centro Tecnolóxico Gradiant -ambos membros colaboradores do Nodo CIBER.gal- en colaboración co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) -membro fundador do mesmo Nodo-.

As xornadas desenvolveranse  entre os días 21 e 23 de xuño de 2023 en Vigo, e serán un congreso científico que promova o contacto, intercambio e discusión de ideas, coñecementos e experiencias entre a rede académica e de investigación por unha banda, e profesionais e empresas por outra. Servirá de escaparate dos últimos avances científicos na materia e materializa un foro de debate no que presentar perspectivas e enfoques innovadores en ciberseguridade, posibilitando a conexión entre a acción investigadora e innovadora e o desenvolvemento de produtos e servizos de valor para a sociedade. 

A organización publicou unha chamada (Call For Flags) para que docentes, estudantes e profesionais propoñan os seus propios retos en ciberseguridade, os que, de ser seleccionados,  serán resoltos polos grupos de participantes nun Capture The Flag (CTF) virtual. 

Os detalles da Call For Flags poden consultarse aquí. Esta chamada oriéntase á creación de retos de ciberseguridade. Os retos CTF (Capture The Flag) en ciberseguridade volvéronse moi frecuentes para mellorar as habilidades e avaliar o coñecemento en ciberseguridade. As propostas e retos propostos deben cubrir unha ou varias das seguintes disciplinas: Enxeñería inversa; Exploiting; Análise Forense; Hacking web; Criptografía e esteganografía e deberán ser presetadas antes do 31 de abril de 2023

A valoración dos retos realizarase polos membros do Comité de Programa das JNIC atendendo aos seguintes criterios: claridade na documentación, combinación de disciplinas, complexidade e orixinalidade na temática do reto. Os 3 mellores retos propostos serán premiados con material tecnolóxico.

Máis información sobre as VIII JNIC 2023: https://2023.jnic.es/