O informe anual do OSIMGA indica que a metade da poboación galega sufriu un incidente de ciberseguridade no último ano

Imaxe

Un 53,3% da poboación de Galicia sufriu algún incidente de ciberseguridade no último ano, segundo os datos recollidos no informe anual “O estado da ciberseguridade en Galicia do Observatorio da Sociedade da Información e Modernización de Galicia (OSIMGA), publicado o pasado venres. A maioría destes incidentes estiveron relacionados co spam (92,8%) ou con intentos de estafa (26,2%).

Este estudo indica, ademais, que o 70,3% das persoas galegas usuarias da internet afirman que posúen coñecementos sobre o uso e funcións das cookies (información compartida polos navegadores de internet). O 49% fai copias de seguridade dos dispositivos e o 42% utiliza activamente a posibilidade de denegar o permiso de uso da información persoal para fins publicitarios. 

Datos para analizar a evolución da ciberseguridade

O informe contén outros moitos datos relevantes para analizar a evolución da ciberseguridade na nosa comunidade, con taxas de incidencia por nivel de estudos, por cidades ou nas empresas. Con respecto ao ámbito empresarial, resulta relevante a análise do uso de medidas de seguridade TIC. Dende o ano 2020 ata o ano 2022 o emprego das medidas que se analizaron na enquisa evolucionou dende un 67,5% ata un 52% no caso das pequenas empresas. O 8,2% das empresas que contan con 10 ou máis persoas empregadas e teñen a súa sede en Galicia dispoñen dun especialista en ciberseguridade dentro do seu persoal TIC.

O estudo do OSIMGA, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, baséase en datos procedentes do IGE (módulo de novas tecnoloxías da enquisa estrutural a fogares), do INE (Enquisa sobre uso das TIC e comercio electrónico nas empresas) e do propio Observatorio (Enquisa ás empresas TIC de Galicia).

Información relacionada