Durante o día de onte presentouse no Consello da Xunta o informe do estado da ciberseguridade en Galicia para o ano 2021, elaborado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia no marco das iniciativas do Nodo CIBER.gal e en colaboración co Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA).
Este documento recompila e analiza os indicadores relacionados coa seguridade da información dispoñibles nas fontes de información oficiais do Instituto Nacional de Estatística (INE), o Instituto Galego de Estatística (IGE) e o Observatorio da Sociedade da Información e da Modernización de Galicia (OSIMGA).
Este estudo trata de achegar unha visión xeral do grao de adopción da ciberseguridade na cidadanía galega, na Administación Pública de Galicia e nas empresas da Comunidade. Ademais, inclúe un punto específico para analizar os indicadores do mercado laboral da ciberseguridade:
Cidadanía
Destácase que o 64% das persoas usuarias da internet en Galicia afirman que posúen competencias dixitais avanzadas en materia de ciberseguridade, case un punto por enriba da media española. Soamente un 15% da poboación recoñece non ter ningún tipo de competencias de seguridade dixital, unha porcentaxe inferior ao da media nacional, que é dun 18%.
Ferrol é o concello onde se rexistrou unha maior porcentaxe de persoas que tiveron un incidente de ciberseguridade nalgún dos seus dispositivos particulares, alcanzando unha porcentaxe de ata o 34,4%.
Entre as persoas galegas enquisadas usuarias da internet, o 9% asegura sufrir algunha perda de información como consecuencia dun virus no seu teléfono móbil. Neste sentido, dous terzos da poboación galega con acceso a internet fixo uso dalgún servizo de seguridade nos seus dispositivos electrónicos.
Concellos
Os datos mostran que dous terzos dos concellos galegos non teñen coñecemento da obriga de comunicar datos de ciberseguridade a través da ferramenta INES do Centro Criptolóxico Nacional. Mentres que a totalidade dos concellos de máis de 50.000 habitantes coñecen esta ferramenta, unicamente dous de cada tres concellos fan uso dela.
Lugo é a provincia que fai un maior uso da ferramenta INES dentro dos concellos que a coñecen. A Coruña (37,6%) e Ourense (36,7%) manteñen unha posición similar de uso, mentres que Pontevedra, a pesar de ter un coñecemento elevado da mesma, é a provincia que menos a usa.
En canto a incidentes de ciberseguridade sufridos polos concellos galegos, o 4,2% sufriu, polo menos, un incidente de ciberseguridade durante o 2021. Os concellos de máis de 50.000 habitantes son os que máis incidentes declararon (28,6%), catro veces máis que os concellos pequenos.
Entre as medidas adoptadas para identificar o persoal acreditado en múltiples niveis da Administración Pública, o máis común é o nome de usuario e o contrasinal (78%). O resto de medidas, como o uso de técnicas biométricas, soamente foron usadas polo 0,8% do persoal pertencente á Administración Pública.
Empresas
O informe pon de manifesto a crecente necesidade por parte das empresas de contar con expertos en ciberseguridade. No caso das empresas galegas enquisadas de 10 ou máis traballadores, o 30% indica que demandan traballadores en ciberseguridade ou pensan facelo nun futuro.
En canto ao uso de medidas de seguridade informática, o 90% das empresas de 10 ou máis empregados declaran facer uso delas.
Doutra banda, en relación a incidentes de ciberseguridade sufridos polas empresas, as estafas e os virus foron os incidentes máis habituais no últimos tres anos, con porcentaxes próximas ao 60% no caso de estafas, e do 30% no caso dos virus. A terceira incidencia máis frecuente é o roubo de identidade, cunha porcentaxe do 15%.
É importante a mención destacada no informe en canto á tendencia crecente das estafas.
Por último, en canto á análise dos indicadores do mercado laboral da ciberseguridade, distínguese, entre outras cuestións, que a porcentaxe de empresas TIC galegas que en 2021 ofreceron servizos e produtos de ciberseguridade, sitúase próximo ao 23%, cunha estimación de que poida seguir aumentando nos próximos anos.
Se desexa consultar o informe completo, descargar a continuación.