Vulnerabilidades en Google Looker Studio permiten exfiltración de datos

Imaxe
Nivel de alerta
Crítico

Investigadores de seguridade identificaron un conxunto de vulnerabilidades en Google Looker Studio que poderían permitir a atacantes acceder a datos sensibles e executar consultas SQL arbitrarias en contornas conectadas a servizos de Google Cloud.

O conxunto de fallos foi denominado LeakyLooker e afecta á forma na que a plataforma xestiona as conexións con múltiples fontes de datos externas. Looker Studio é unha ferramenta de intelixencia de negocio baseada na nube empregada para crear paneis interactivos e informes analíticos en tempo real.

Detalles técnicos

A investigación identificou nove vulnerabilidades de tipo cross-tenant que, combinadas, poderían permitir a un atacante:

  • Executar consultas SQL arbitrarias.
  • Exfiltrar información sensible das fontes de datos conectadas.
  • Modificar ou eliminar rexistros en contornas de Google Cloud.
  • Acceder a datos sen que o usuario conceda permisos explícitos.


Looker Studio permite conectar informes con múltiples servizos de datos en tempo real entre eles:

  • Google BigQuery
  • Google Sheets
  • Cloud Spanner
  • PostgreSQL
  • MySQL
  • Google Cloud Storage


Esta arquitectura de conexións en tempo real amplía a superficie de ataque cando existen erros no illamento entre usuarios ou contornas.

CVE relacionados

Algunhas vulnerabilidades relacionadas con esta investigación foron rexistradas en bases públicas de vulnerabilidades:

  • CVE-2025-12397 – Vulnerabilidade de inxección SQL que podería permitir executar consultas maliciosas empregando os permisos do propietario do informe.
  • CVE-2025-12405 – Problema na xestión de privilexios que podería permitir executar consultas contra bases de datos utilizando credenciais almacenadas.
  • CVE-2025-12743 – Vulnerabilidade que podería permitir a exfiltración da base de datos interna do sistema.


Non todas as fallas identificadas na investigación LeakyLooker contan polo momento con identificadores CVE públicos individuais.

Impacto potencial

En contornas corporativas o impacto podería incluír:

  • Acceso non autorizado a información empresarial sensible.
  • Exfiltración de datos desde bases de datos conectadas.
  • Manipulación ou eliminación de rexistros analíticos.
  • Alteración de informes empregados para a toma de decisións.


Recomendacións

Recoméndase ás organizacións que utilicen Looker Studio:

  • Revisar os permisos de acceso e compartición de informes.
  • Limitar as fontes de datos conectadas unicamente ás necesarias.
  • Monitorizar consultas SQL e actividade anómala nas bases de datos conectadas.
  • Revisar as configuracións de seguridade en Google Cloud.
  • Manter actualizados os conectores e integracións.


Google aplicou correccións no servizo tras a divulgación responsable dos investigadores. Aínda así recoméndase ás organizacións revisar as súas configuracións e accesos para evitar exposicións innecesarias de información sensible.