Apertura do prazo de inscripción para o curso gratuíto Certified Ethical Hacker (CEH) ata o 5 de xaneiro

Imaxe

Dende hoxe ata o 5 de xaneiro, estará aberto o prazo de inscrición para o curso gratuíto Certified Ethical Hacker (CEH). O curso, dividido en 20 módulos de aprendizaxe, aborda máis de 550 técnicas de ataque e ofrece os coñecementos necesarios para destacar como profesional en ciberseguridade.

Os obxectivos deste curso son:

  • Ofrecer unha comprensión profunda das técnicas e ferramentas esenciais no hacking ético.

  • Identificar e analizar vulnerabilidades en sistemas e redes, dominando técnicas de recoñecemento, escaneo, enumeración e explotación, mentres se exploran ameazas como malware e ataques de denegación de servizo.

  • Abordar aspectos cruciais da seguridade en aplicacións web, redes sen fíos, dispositivos móbiles, IoT e computación na nube, xunto con principios de criptografía e estratexias de contramedidas efectivas.

Este curso está dirixido especialmente a responsables de seguridade, auditores, profesionais de seguridade, administradores de sistemas e a todas aquelas persoas interesadas na seguridade dos sistemas de información.

Información relevante do curso Certified Ethical Hacker:

  • Modalidade presencial.

  • Número de prazas limitado a 20 prazas.

  • Unha vez finalizado o prazo de inscrición, o 9 de xaneiro realizarase unha proba de selección presencial no CNTG en Santiago de Compostela, que constará dunha proba técnica.

  • A duración do curso será de 48 horas. 

  • O curso desenvolverase do 20 ao 31 de xaneiro, cun horario de luns a xoves de 16:00h a 21:00h e venres de 16:00h a 20:00h.

  • A matrícula é gratuíta e inclúe o diploma de asistencia e a opción gratuíta de presentarse ao exame de certificación oficial Certified Ethical Hacker - CEH 312-50.

Para obter máis información sobre o curso, pódese acceder ó seguinte enlace da páxina web do CNTG, onde se atopa toda a información detallada e onde se poderá realizar a inscrición: Certified Ethical Hacker (CEH).

Estas formacións gratuítas forman parte do investimento que fai a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración no marco do proxecto do Centro de Innovación e Competencia en Ciberseguridade, no contexto do Programa RETECH. No proxecto do Centro participan as comunidades de Galicia, Cataluña e Valencia, estando liderado desde a rexión galega pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

Información relacionada