No QAA (Quen Anda Aí) da TVG (11/12/2025), Bernando Viqueira, que representou a España no mundial de Ciberseguridade, abordou a profesionalización do chamado ‘hacking ético’ e a importancia de reforzar os hábitos de seguridade persoal. A súa tese central: alongar e mellorar os contrasinais, non fiarse de ligazóns recibidas por SMS/correo e entender que moitas estafas se basean en enxeñaría social.
Segundo Viqueira, os riscos máis frecuentes inclúen a reutilización de contrasinais débiles ou previsíbeis (p. ex. patróns como a primeira letra en maiúscula, números ao final e un símbolo), o ‘smishing’ mediante SMS que simula avisos oficiais para captar credenciais, e novas modalidades de suplantación que empregan voz/vídeo xerados con intelixencia artificial para enganar ás familias. Tamén alerta sobre o uso de contas de redes sociais como ‘login’ noutras aplicacións: se se compromete a conta base, poderían acceder a múltiples servizos.
Entre as medidas propostas polo entrevistado: crear frases-contrasinal longas (non ligadas a datos persoais), empregar xestores de contrasinais cunha contrasinal mestra, e evitar gardar contrasinais en móbil/ordeador; se se anotan, que sexa en papel na casa. Para pagos en liña, recoméndase fixar límites de tarxeta, desactivar compras no estranxeiro se non se usan e, cando cumpra, utilizar tarxetas prepago. Fronte a SMS e correos, non premer ligazóns: entrar manualmente na web oficial. Para chamadas ‘de suplantación’ familiares, acordar unha “palabra chave” na casa como medida anti-enxeñaría social.
Para ver a entrevista completa, pódese acceder aquí
https://www.agalega.gal/videos/303246-clip-quen-anda-ai-11-12-2025
e visualizar no minuto 30:47.