A Xunta de Galicia pon en marcha un ciclo de oito cursos especializados en ciberseguridade co obxectivo de reforzar as competencias dixitais do tecido empresarial e profesional. A iniciativa está organizada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia e a Dirección Xeral de Formación e Cualificación para o Emprego.
As accións formativas desenvolveranse entre abril e xuño no Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia en modalidade online e serán totalmente gratuítas. En total, ofertaranse preto de 150 prazas e máis de 180 horas de formación, permitindo na maioría dos casos obter certificacións profesionais recoñecidas.
Os cursos abarcan ámbitos como a seguridade na industria 4.0, auditorías en contornas OT, ciberseguridade en vehículos ou probas de penetración en IoT, entre outros.
Esta iniciativa enmárcase no programa RETECH Ciberseguridade, está financiada con fondos NextGenerationEU no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e conta co apoio do Instituto Nacional de Ciberseguridade.