A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) publica este informe no marco do Observatorio de Ciberseguridade Industrial, coa finalidade de conectar o ecosistema galego coas principais oportunidades de financiamento e cooperación en I+D+i nos ámbitos autonómico, estatal e europeo. O documento ofrece unha visión estruturada e accesible dun panorama de axudas de especial relevancia para empresas, centros tecnolóxicos, universidades e administracións públicas que desenvolven actividade en ciberseguridade industrial e transformación dixital. A súa elaboración enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través de NextGenerationEU, e está aliñada coa Estratexia Galicia Dixital 2030.