A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa Confederación Empresarial de Ourense, organiza a xornada sectorial de ciberseguridade “Un ciberataque non avisa. Está o corpo directivo preparado para responder?”.
A xornada celebrarase o vindeiro 26 de maio de 2026, de 9:30 a 12:30 horas, na sede da CEO, situada na Praza das Damas, nº 1, en Ourense.
A participación é gratuíta, con inscrición previa a través da seguinte ligazón: Inscrición ao evento.
Esta iniciativa está enmarcada no Laboratorio e Centro de Demostración de Ciberseguridade Industrial, dentro do Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (programa RETECH), Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – financiado pola Unión Europea NextGenerationEU, PRTR, a través do Instituto Nacional de Ciberseguridade.
O programa propón unha aproximación práctica á xestión de ciberincidentes desde o ámbito directivo, abordando aspectos relacionados coa toma de decisións, a coordinación interna, a aplicación de protocolos e a resposta ante situacións de crise.
Neste contexto, presentararanse as capacidades dos laboratorios e demostradores de ciberseguridade industrial da Xunta de Galicia, a través da Amtega, así como un exercicio práctico e participativo de roleplay orientado a simular a actuación dos equipos directivos ante un incidente de ciberseguridade en contornas industriais.
Ademais, habilitarase un espazo de networking e intercambio de experiencias entre empresas e axentes tecnolóxicos, finalizando cun diálogo sobre necesidades e solucións de ciberseguridade aplicadas á contorna empresarial.
A iniciativa busca achegar ferramentas, capacidades e recursos prácticos ao tecido empresarial, promovendo a adopción de medidas de ciberseguridade adaptadas á realidade e ao nivel de madurez das organizacións galegas.