A persoa delegada de protección de datos é unha figura de existencia obrigatoria en determinados responsables do tratamento*, que recollen tanto o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RXPD) como a propia Lei Orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDGDD), entre os que cabe sinalar, entre os obrigados recollidos nos artigos 34 da LOPDGDD e 37 do RXPD:
-
ás organizacións cuxas actividades principais consistan en operacións de tratamento que, por razón da súa natureza, alcance e/ou fins, requiran unha observación habitual e sistemática de persoas interesadas a gran escala;
-
aos establecementos financeiros de crédito;
-
ás entidades aseguradoras e reaseguradoras;
-
ás entidades distribuidoras e comercializadoras de enerxía eléctrica e aos distribuidores e comercializadores de gas natural;
-
aos operadores que desenvolvan a actividade de xogo a través de canles electrónicos, informáticos, telemáticos e interactivos, conforme á normativa de regulación do xogo;
-
ás federacións deportivas canto traten datos de menores de idade.
*Segundo o RXPD, un Responsable do Tratamento é a persoa física, xurídica ou autoridade pública que decide como y con que finalidade se leva a cabo un tratamento de datos persoais.
Ademais de contar con estes supostos de obrigada existencia, calquera responsable do tratamento pode designar de maneira voluntaria unha persoa delegada de protección de datos. Tanto se é obrigatorio como se se fai de xeito voluntario, os datos da Persoa Delegada de Protección de Datos beberán ser comunicados á Axencia Española de Protección de Datos (AEPD) nun prazo de 10 días dende o nomeamento. No caso das Administracións públicas, esta figura é de existencia obrigatoria.
As funcións dunha persoa delegada de protección de datos son:
-
Informar e asesorar ao responsable do tratamento, ao encargado e aos demais empregados respecto ás cuestións relacionadas coa protección de datos persoais.
-
Supervisar o cumprimento da normativa, asignando incluso responsabilidades.
-
Concienciación e formación do persoal.
-
Asesorar sobre a avaliación de impacto na protección de datos persoais e supervisar a súa aplicación.
-
Cooperar coa autoridade de control correspondente, como a AEPD.
-
Actuar como punto de contacto da autoridade de control en cuestións relativas ao tratamento de datos.
-
Atender as reclamacións dirixidas polas persoas afectadas polo tratamento dos seus datos persoais, tanto as que se lle dirixan directamente como as que lle remitan as autoridades de control.
Unha persoa delegada de protección de datos non pode decidir sobre os fins e os medios do tratamento ou outorgar ou non un dereito solicitado respecto aos datos persoais dunha persoa, posto que é algo que corresponde ao responsable do tratamento.
A persoa delegada de protección de datos non pode ser destituída nin sancionada polo responsable polo feito de desenvolver as súas funcións e o responsable debe garantir que non reciba ningunha instrución no que respecta ao desenvolvemento das súas funcións. Con todo, cabe lembrar que si pode ser destituída do seu cargo ou sancionada no caso de que incorra en neglixencia grave ou dolo no exercicio das súas funcións.
É preciso ter en conta que hai certos postos ou cargos que son incompatibles coa da figura da persoa delegada de protección de datos, tales coma o posto de director xeral, director financeiro ou de recursos humanos, entre outros.
A persoa delegada de protección de datos pode formar parte do cadro de persoal do responsable ou do encargado (mesmo desenvolvendo a maiores outras tarefas) ou pode ser unha persoa allea á organización. Con todo, a súa designación debe obedecer ás súas cualidades profesionais e, en particular, aos seus coñecementos especializados do Dereito e á práctica en materia de protección de datos e á súa capacidade para desenvolver as funcións que a normativa lle encomenda.
Podes consultar os datos de contacto de cada persoa delegada de protección de datos notificada á AEPD na Sede Electrónica da propia Axencia Española de Protección de Datos.
Máis información en www.aepd.es