Apertura de inscrición para catro novos cursos gratuítos de ciberseguridade

Imaxe

O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia (CNTG) abriu o prazo de inscrición para catro novos cursos especializados en ciberseguridade que se impartirán en modalidade virtual entre novembro de 2026 e febreiro de 2027: CompTIA Cybersecurity Analyst (CySA+), ISACA Certified in Risk and Information Systems Control (CRISC), Formación en Resposta a Incidentes (DFIR) e Análise Forense e ISC2 Certified Information Systems Security Professional (CISSP).

As catro accións formativas son gratuítas, están dirixidas tanto a persoas desempregadas como ocupadas e inclúen a opción de realizar sen custo un exame oficial de certificación, ademais do correspondente diploma de asistencia.

O período de inscrición permanecerá aberto do 24 de outubro ao 8 de novembro de 2026. A selección realizarase mediante unha proba técnica presencial no CNTG, en Santiago de Compostela.

 

 

CompTIA Cybersecurity Analyst (CySA+)

Esta formación prepara para detectar, analizar e protexer infraestruturas críticas mediante ferramentas de detección e análise de ameazas. O curso aborda a xestión de riscos, a identificación de ameazas, a avaliación da seguridade, a intelixencia de ciberseguridade e a resposta a incidentes, cun enfoque orientado aos profesionais que traballan na primeira liña de defensa.

Os obxectivos do curso son:
  • Identificar e investigar actividade sospeitosa en redes, endpoints e contornas cloud.
  • Monitorizar e analizar datos mediante ferramentas estándar do sector, como plataformas SIEM e EDR.
  • Identificar, priorizar e mitigar vulnerabilidades aplicando enfoques baseados en riscos.
  • Investigar e responder a incidentes mediante procesos estruturados, comunicando achados e riscos a través de informes e paneis de control.
Información xeral do curso
  • Metodoloxía virtual.
  • Período de inscrición: do 24/10/2026 ao 08/11/2026.
  • Proba técnica de selección presencial no CNTG, en Santiago de Compostela, o 10/11/2026 ás 17:30 horas.
  • Número de prazas: 20.
  • Datas de impartición: do 23/11/2026 ao 04/12/2026.
  • Horario: de luns a venres, de 16:30 a 20:00 horas.
  • Duración: 35 horas.
  • Certificación incluída: Cybersecurity Analyst+ (CS0-004).
  • Diploma de asistencia.

Máis información en: CompTIA Cybersecurity Analyst (CySA+)

 

 

ISACA Certified in Risk and Information Systems Control (CRISC)

O curso está orientado á xestión proactiva dos riscos de tecnoloxías da información, co obxectivo de reforzar a resiliencia empresarial, achegar valor ás partes interesadas e optimizar a xestión de riscos. A formación incorpora tamén a avaliación dos riscos asociados ás tecnoloxías emerxentes, incluída a intelixencia artificial, e as boas prácticas de ética e gobernanza de datos.

Os obxectivos do curso son:
  • Establecer un marco de gobernanza que permita aliñar os riscos cos obxectivos empresariais.
  • Identificar e analizar os riscos de TI e avaliar o seu impacto na organización.
  • Deseñar estratexias de resposta para mitigar e xestionar os riscos.
  • Supervisar, avaliar e optimizar de forma continua os controis de TI.
Información xeral do curso
  • Metodoloxía virtual.
  • Período de inscrición: do 24/10/2026 ao 08/11/2026.
  • Proba técnica de selección presencial no CNTG, en Santiago de Compostela, o 10/11/2026 ás 18:30 horas.
  • Número de prazas: 16.
  • Datas de impartición: do 23/11/2026 ao 27/11/2026.
  • Horario: de luns a venres, de 16:30 a 20:30 horas.
  • Duración: 20 horas.
  • Certificación incluída: Certified in Risk and Information Systems Control (CRISC®).
  • Diploma de asistencia.

Máis información en: ISACA Certified in Risk and Information Systems Control (CRISC)

 

 

Formación en Resposta a Incidentes (DFIR) e Análise Forense

Esta formación aborda a adquisición e interpretación de evidencias dixitais en sistemas Windows e Linux, imaxes forenses e elementos habituais dunha rede corporativa, como firewalls, servidores DHCP ou VPN. O programa combina contidos de análise forense e resposta a incidentes con adestramentos prácticos baseados en casos reais, orientados a identificar o punto de entrada, a actividade posterior ao compromiso e posibles actuacións internas.

Os obxectivos do curso son:
  • Extraer de forma adecuada evidencias dixitais para a súa análise forense.
  • Interpretar evidencias para comprender a actividade realizada en sistemas Windows e Linux dunha rede corporativa.
  • Analizar incidentes de seguridade nos que interveñen distintos sistemas e fontes de evidencia.
  • Aplicar unha metodoloxía práctica para delimitar o alcance dun incidente e orientar as seguintes actuacións de investigación.
Información xeral do curso
  • Metodoloxía virtual.
  • Período de inscrición: do 24/10/2026 ao 08/11/2026.
  • Proba técnica de selección presencial no CNTG, en Santiago de Compostela, o 10/11/2026 ás 16:30 horas.
  • Número de prazas: 20.
  • Datas de impartición: do 30/11/2026 ao 11/02/2027.
  • Horario: de luns a xoves, de 16:00 a 21:00 horas, segundo o calendario publicado; exame presencial o 23/02/2027.
  • Duración: 90 horas.
  • Certificación incluída: IRCP (Incident Response Certified Professional).
  • Diploma de asistencia.

Máis información en: Formación en Resposta a Incidentes (DFIR) e Análise Forense

 

 

ISC2 Certified Information Systems Security Professional (CISSP)

A certificación CISSP está orientada a profesionais con experiencia en ciberseguridade que necesiten adquirir unha visión integral da seguridade da información, combinando coñecementos técnicos, organizativos, de xestión e de goberno. O curso ofrece unha preparación estruturada dos dominios do Common Body of Knowledge de ISC2 para afrontar o exame oficial.

Os obxectivos do curso son:
  • Comprender e aplicar os principios de goberno, xestión de riscos e cumprimento asociados á seguridade da información.
  • Xestionar activos, arquitecturas seguras, redes, identidades e controis de acceso.
  • Planificar procesos de avaliación, auditoría e probas de seguridade, así como operacións e resposta ante incidentes.
  • Integrar a seguridade no desenvolvemento de software e relacionar os distintos dominios nunha estratexia global de protección.
Información xeral do curso
  • Metodoloxía virtual.
  • Período de inscrición: do 24/10/2026 ao 08/11/2026.
  • Proba técnica de selección presencial no CNTG, en Santiago de Compostela, o 12/11/2026 ás 19:30 horas.
  • Número de prazas: 16.
  • Datas de impartición: do 09/12/2026 ao 18/12/2026.
  • Horario: do 9 ao 11 de decembro, de 16:00 a 21:00 horas; e do 14 ao 18 de decembro, de 16:30 a 20:30 horas.
  • Duración: 35 horas.
  • Certificación incluída: Certified Information Systems Security Professional (CISSP) - ISC2.
  • Diploma de asistencia.

Máis información en: ISC2 Certified Information Systems Security Professional (CISSP)

 

 

As persoas interesadas deberán formalizar a inscrición dentro do prazo indicado. A selección realizarase mediante unha proba técnica presencial no CNTG en Santiago de Compostela.