A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia impulsa un obradoiro presencial de ciberseguridade para pemes e persoas autónomas

Imaxe

Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza un novo obradoiro presencial baixo o título “Ciberseguridade para pemes e autónom@s: o poder das persoas”, co obxectivo de reforzar a concienciación e capacitación en materia de ciberseguridade no tecido empresarial galego.

A actividade terá lugar o vindeiro 7 de maio, en horario de 10:00 a 12:00 horas, na sede central do Círculo de Empresarios de Galicia (CEL), en Vigo.

Este obradoiro está dirixido a pequenas e medianas empresas, persoas traballadoras autónomas e, en xeral, a todas aquelas persoas interesadas en mellorar a súa protección fronte ás ameazas dixitais.

Durante a sesión abordaranse cuestións clave como os principais riscos de ciberseguridade que afectan ás organizacións, os métodos de actuación empregados pola ciberdelincuencia e as medidas prácticas que poden adoptarse para previr incidentes. Ademais, ofreceranse pautas para protexer credenciais, dispositivos e contornas de traballo, así como para identificar ameazas comúns como o phishing ou outras tentativas de fraude.

A iniciativa pon o foco no factor humano como elemento clave na ciberseguridade, destacando que a protección das organizacións non depende unicamente da tecnoloxía, senón tamén das persoas e dos seus hábitos dixitais.

As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición a través da seguinte ligazón:
https://ciberseguridadegalicia.gal/

Este tipo de acción enmárcanse na estratexia de impulso á ciberseguridade en Galicia, orientada a mellorar a resiliencia dixital das empresas e a fomentar unha cultura de seguridade no uso das tecnoloxías.

Información relacionada