O pasado venres 5 de maio, sobre as nove da noite en España, saltaron as alarmas: diferentes servizos relacionados con Google (o buscador, Youtube, Gmail…) deixaron de estar dispoñibles.
Seguramente a hora do suceso contribuíse a atenuar a percepción do mesmo no noso país, pero é probable que moitos dos que si o notaron pensasen automaticamente nalgún ataque a gran escala por parte dalgún dos grupos de cibercriminais que se moven polas redes de datos.
Afortunadamente, en pouco máis dunha hora os servizos fóronse restablecendo, con maior ou menor fluidez, e a propia Google ofrecía explicacións. Non se trataba dun ataque informático senón dunha infiltración de auga nun dos seus centros de datos, en París, que afectaba a varios clústers de servidores, e, en consecuencia, a todos eses servizos en diversos países de Europa.
O máis interesante deste evento, á parte de escenificar os efectos da interconexión global, é que pon de manifesto que os servizos informáticos funcionan sobre equipos físicos, e que hai que ter en conta todos os factores que lles poden afectar á hora de planificar o seu despregamento e mantemento.
A protección das instalacións e infraestruturas, segundo a nomenclatura do Esquema Nacional de Seguridade, xoga un papel importante na resiliencia dunha compañía ou entidade. Queda probado que nin sequera Google está libre de sufrir unha filtración de auga nun centro de datos, pero a súa preparación previa permitiulles superar ese inconveniente de modo que o servizo soamente se viu afectado durante unha hora. Un bo exemplo para tomar nota e reflexionar sobre as medidas de seguridade propias.