A Comisión Europea prohibe o uso de TikTok ao seu persoal

Imaxe

Seguindo a liña iniciada hai máis de dous anos pola India (prohibición total en todo o país) e reforzada polo Congreso e outras entidades públicas e privadas dos EEUU, a Comisión Europea decidiu prohibir o uso de TikTok nos móbiles corporativos do seu persoal, e mesmo establece incompatibilidades para quen instalase nos seus terminais privados aplicacións relacionadas coas súas tarefas profesionais, que deberán ser desinstaladas se se desexa manter esa aplicación neles. 

Esta decisión tomouse despois de que o pasado mes de novembro ByteDance, a empresa responsable de TikTok, admitise que podía acceder desde a súa sede en China aos datos persoais dos seus usuarios de todo o mundo, incluíndo aspectos tan sensibles como a localización, o que incumpre as esixencias impostas pola normativa europea de protección de datos. Desde os EEUU alértase ademais dunha probable conexión entre a empresa e o goberno chinés, co que iso supoñería respecto a usos potenciais dos datos conseguidos.

Non é a única polémica que rodea á aplicación; recentemente, a revista Forbes acusou a ByteDance de utilizar TikTok para espiar a xornalistas. Noutros foros reflexiónase sobre as implicacións de que o uso que o goberno chinés permite da aplicación no seu país -con limitacións do tempo de uso e divulgación de contidos educativos e culturais- sexa moi diferente da súa funcionalidade no resto do mundo. 

Hai outros procesos de investigación en marcha en diferentes países e non é descartable que outras administracións decidan tamén prohibir a aplicación alí onde puidese acceder a datos sensibles.

Información relacionada