No programa Bos Días da TVG, Manuel Caeiro, coordinador do Máster en Ciberseguridade, comentou un caso recente de fraude bancaria no que unha persoa conseguiu recuperar máis de 5.000 euros tras sufrir unha estafa dixital e obter unha resolución favorable por parte da Audiencia Provincial.
Durante a entrevista, explicou como funcionan técnicas como o phishing e o smishing, mediante as que os ciberdelincuentes se fan pasar por entidades de confianza para obter datos persoais e bancarios das vítimas. Segundo indicou, estas estafas son cada vez máis sofisticadas e empregan mensaxes, chamadas ou correos electrónicos aparentemente lexítimos para gañar a confianza dos usuarios.
O experto destacou a importancia da prevención e da concienciación cidadá, recomendando desconfiar de comunicacións inesperadas, non facilitar información sensible e verificar sempre a autenticidade das solicitudes recibidas. Tamén subliñou o papel das entidades financeiras na detección de operacións anómalas e na implantación de medidas adicionais de seguridade para protexer ás persoas usuarias.