Está a túa empresa preparada ante un ciberataque?

Imaxe

A Amtega, en colaboración con AEDeza, organiza unha xornada práctica e participativa dirixida a empresas e equipos directivos baixo o título: “Está a túa empresa preparada ante un ciberataque?” 

O encontro terá lugar o vindeiro 28 de maio de 2026, de 10:00 a 12:30 horas, na sede de AEDeza, situada na Rúa Otero Pedrayo, nº 24 (baixo), Lalín. 

A participación é gratuíta, aínda que as prazas son limitadas e requiren inscrición previa, que pode realizarse a través do seguinte formulario de inscrición: Formulario de inscrición. 

A xornada está concibida para achegar ao tecido empresarial ferramentas, capacidades e recursos prácticos que permitan mellorar a preparación e resposta ante incidentes de ciberseguridade en contornas industriais, especialmente desde o ámbito directivo e organizativo. 

Durante a sesión presentaranse as capacidades do Laboratorio e Centro Demostrador de Ciberseguridade Industrial da Xunta de Galicia, enmarcado no Programa de Redes Territoriais de Especialización Tecnolóxica (RETECH), dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea NextGenerationEU a través do Instituto Nacional de Ciberseguridade. 

O programa combinará demostracións reais, análise de casos prácticos e dinámicas participativas para axudar ás empresas a comprender como actuar ante un ciberataque en contornas industriais, como coordinar equipos, tomar decisións críticas e aplicar protocolos de resposta. 

Entre os contidos destacados inclúense: 

  • Presentación do laboratorio e centro demostrador de ciberseguridade industrial. 

  • Demostración práctica sobre unha contorna industrial real: como un ciberataque pode paralizar a produción. 

  • Exercicio participativo dirixido a equipos directivos para simular a xestión dun incidente de ciberseguridade. 

  • Espazo de debate, networking e intercambio de experiencias entre empresas e axentes tecnolóxicos. 

Con esta iniciativa, Amtega e AEDeza buscan impulsar unha cultura de ciberseguridade adaptada á realidade e ao nivel de madurez das organizacións galegas, promovendo medidas preventivas e capacidades de resposta eficaces ante ameazas cada vez máis presentes na contorna industrial. 

Información relacionada