Aínda que polo momento os datos dispoñibles refírense aos EEUU, probablemente pronto chegará a España unha nova evolución das estafas telefónicas, baseadas agora en servizos de xeración de voz mediante Intelixencia Artificial.
Este engano considérase moi efectivo: pasou a ser o segundo tipo de estafa máis común nos Estados Unidos en 2022 e provocou perdas estimadas en 11 millóns de dólares.
Para poder levalo a cabo, os criminais deben dispoñer de mostras da voz da persoa á que queren suplantar, uns trinta segundos serían suficientes, e coñecer o teléfono dun parente próximo desa persoa suplantada, que será o obxectivo da estafa. Proporcionando esas mostras de voz a algún dos servizos de Intelixencia Artificial dispoñibles (mesmo de maneira gratuíta) pódese conseguir que calquera mensaxe elixida polos estafadores sexa ‘locutado’ polo servizo cun alto grao de verosimilitude. Bastará con telefonar a ese obxectivo elixido e exporlle unha situación que lle empuxe a enviar diñeiro ao suposto chamante.
A protección contra este tipo de timo non parece sinxela, pero mentres non se dispoña de ferramentas técnicas que poidan axudar, a mellor defensa reside no coñecemento e a divulgación.