A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional abriu unha nova convocatoria do programa educativo Iniciación segura á pegada dixital e ás redes sociais.
Tras o éxito das edicións anteriores, a iniciativa volve a poñerse en marcha. Na edición correspondente ao curso 2025/2026 impartíronse 250 obradoiros en 242 centros educativos, nos que participaron máis de 7.000 alumnas e alumnos. As actividades obtiveron unha valoración moi positiva por parte do alumnado, tanto en relación cos contidos dos obradoiros como co labor das persoas formadoras.
A iniciativa volve dirixirse ao alumnado de 2º a 4º da ESO e de ciclos formativos de grao básico de FP, coa finalidade de promover un uso responsable das redes sociais. Os obradoiros teñen como obxectivo que o estudantado tome conciencia da importancia da identidade e da pegada dixital, aprenda a configurar axeitadamente a súa seguridade e privacidade na rede e coñeza os recursos de apoio aos que pode acudir en caso de dúbidas ou problemas relacionados co ámbito tecnolóxico.
A convocatoria prevé a realización de 250 obradoiros prácticos, que serán impartidos por persoal experto da Amtega directamente nos centros educativos participantes. As actividades desenvolveranse ao longo do curso escolar, entre outubro de 2026 e xuño de 2027.
As solicitudes deberán presentarse por correo electrónico nun prazo de 15 días naturais desde a publicación da convocatoria, realizada o 8 de setembro de 2026. As prazas adxudicaranse por orde de chegada das solicitudes, ata completar as 250 dispoñibles.