O IV Encontro CIBER.gal, celebrado os días 6, 7 e 8 de novembro na Cidade da Cultura de Galicia, reafirmouse como un evento de referencia en ciberseguridade a nivel autonómico e nacional, logrando cifras históricas de inscrición e un amplo abano de actividades destinadas a todos os públicos.
Este ano o Encontro volveu contar cunha moi alta demanda de inscricións para todas as actividades ofertadas, acadando un novo récord de inscricións presenciais para o programa principal e o resto de actividades celebradas no Edificio Fontán os días 6 e 7 de novembro, superando as 2.100. Tamén cabe destacar as máis de 550 solicitudes de inscrición para as experiencias que o INCIBE trouxo os días 6, 7 e 8 de novembro ao Encontro CIBER.gal, o Stand e o Road Show, nas que todos os públicos puideron aprender de xeito ameno e dinámico boas prácticas en ciberseguridade.
Outro dos datos máis destacados son os máis de 7.400 escolares que participaron na fase previa do Concurso Ciberseguridade no Cole, o cal culminou cunha emocionante final presentada por Esther Estévez e complementada cunha obra de teatro a cargo da Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. Esta actividade buscou sensibilizar sobre o ciberacoso escolar e fomentar a identificación dos ciberacosadores para axudar á vítima.
O IV Encontro contou cun amplo programa, onde destacan:
O compromiso co sector educativo e coa cidadanía en xeral foi un dos alicerces do evento, reforzando a importancia de involucrar a todas as xeracións na cultura da ciberseguridade. Ademais, CIBER.gal contou cun sólido apoio institucional e empresarial, grazas aos seus patrocinadores, entre os que destacan Gradiant, Telefónica, Deloitte, ABANCA, Checkpoint, Crowdstrike, Proofpoint, SIA, Advens, CTAG, Hijos de Rivera, NTT DATA, Zscaler, Altia, Balidea, Be:SEC, DXC technology, Plexus Tech, S2 grupo e Satec, así como o seu co-organizador, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia.
As gravacións das actividades estarán dispoñibles proximamente no espazo web do Nodo CIBER.gal e tamén na canle de youtube de CiberseguridadeGalicia, co fin de reforzar o carácter aberto e accesible do encontro. Paralelamente, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) xa está a traballar na organización da próxima edición, prevista para 2025.
CIBER.gal continúa a consolidarse como unha cita clave para promover a seguridade dixital, o intercambio de coñecementos e o fortalecemento da colaboración entre institucións, empresas e cidadanía.