Non está permitido solicitar copia do DNI ou pasaporte en hospedaxes

Imaxe

A AEPD aclara que os establecementos de hospedaxe non poden quedar cunha copia do DNI ou pasaporte das persoas usuarias.

Segundo a normativa vixente (Real Decreto 933/2021), os establecementos de hospedaxe teñen a obriga de recoller e comprobar certos datos das persoas que se aloxan neles. A Axencia Española de Protección de Datos puntualiza que non están autorizados a gardar unha copia do documento de identidade presentado, xa que vulneraría o principio de minimización de datos e suporía un tratamento excesivo.

Por que non se pode?

  • Os documentos como o DNI conteñen información sensible non necesaria (fotografía, nomes dos proxenitores...). Entregar unha copia da documentación personal implica, entre outros, un risco innecesario de suplantación da identidade.
  • A copia non garante a identidade da persoa remitente.
  • O DNI non contén todos os datos esixidos legalmente.

Alternativas recomendadas:

  • Recoller os datos mediante formularios (en papel ou en liña).
  • Métodos seguros en liña: certificados dixitais, verificación co método de pago ou códigos enviados ao móbil ou correo.

Ademais, á chegada, o persoal do establecemento debe verificar visualmente no documento os datos proporcionados.

A responsabilidade de garantir a legalidade do proceso recae sobre o establecemento, que debe avaliar os métodos empregados para asegurar o cumprimento da normativa de protección de datos.

Información relacionada